22 de feb. de 2022

PANNE BEACH ENDURANCE 2021

Crónica de Fran Castro:

O pasado 21 de novembro despraceime baixo unha intensa choiva
ata De Panne, na costa belga. O obxectivo, participar nunha proba do campionato belga de carreiras de praia. Aínda non amencera cando recollemos o dorsal. Gran ambiente ciclista, pero a climatoloxía non prometía nada bo: moito vento e frío. De camiño á praia puiden comprobar o nivel de preparación das bicicletas para correr na area: anchas cubertas semi slicks, bicicleta e horquilla ríxida, prato de 40 dentes… Só están permitidas as BTT con guiador plano. Xa na praia fun cara á zona de saída a buscar o meu caixón de saída. Había un primeiro caixón para os de categoría elite e a continuación estaba o meu. O letreiro poñía do 300 ao 1203. Detrás había aínda dous caixóns máis. Morto de frío e cos nervios destas ocasións, alí estaba no medio dun pelotón de mil cincocentos ciclistas. A saída, unha tolemia. De súpeto estás a pedalear a toda velocidade rodeado dun milleiro e medio ciclistas. Non ves nada, só vixías aos dos lados e que non caian os de diante. Non sabes en que punto da praia estás, pero vas movéndoche de dereita a esquerda cando che ves empuxado por quen tes ao teu carón namentres que os de diante buscan area dura. De súpeto, cortinas de auga que levantan ao pasar os que che preceden polos regatos que baixan cara á beira. Zas, pés enchoupados. Vas vendo xente caer, cadeas e cambios rotos, pneumáticos picados ou destalonados. Eu, tentando manter as pulsacións controladas, e así toda a recta duns 7 quilómetros. Pouco antes de chegarmos ao final da recta estabamos estirados e estabilizados. Mirei cara atrás e vin moitos aínda, menos mal. Cruzamos a area branda para subir ao paseo marítimo e comezar a volta. Bum, vento forte de fronte. Pegado a roda dos de diante para non morrer. E veña a entrar e saír da praia atravesando a franxa de area branda: que se agora ao paseo, que despois ao cámping, que se ao aparcamento, que ao centro De Panne. Nesta primeira volta conseguín pasar os tramos de area branda sen baixarme. Divertidísimo.

Pasada a meta por primeira vez (eran 3 voltas), uns 500 metros polo paseo e encaro unha gran duna cunha gran baixada que dá acceso outra vez á praia. Cando a pasei e cheguei á area dura, lembroume á duna do último mundial de CX en Ostende: era cuspidiña. Estaba na segunda volta e xa notaba o esforzo, xa non era tan rápido. Pero seguía a ser divertido. Os pés xeados, sen sentir as dedas, e mollándomos cada vez que pasaba os regatos. Ao irmos moi estirados, esta vez a longa recta foi mais fácil. Atopabas mellor a area dura, pero vías moi lonxe o punto onde tiñas que dar a volta. O vento a favor axudaba, pero é que todos ían rapidísimo. Desta volta, nas tres zonas longas de area en subida para saír da praia báixeme na metade; case non podía e había que reservar. Nas outras podía pasar sen baixarme, pero terminaba co pulso en rexistros de récord. Aínda había densidade de participantes para irmos en pelotón e evitarmos algo os 25 nós de vento que había. Canso, pero desfrutando.

Paso por meta a segunda vez. Dóenme as pernas. Encaro de novo a baixada da gran duna e ao chegar abaixo a toda velocidade crúzaseme a bicicleta e... ao chan con pinchacarneiro incluído e cun pé enganchado porque a cala non se soltou. Sen consecuencias porque a area é branda, pero primeiro aviso. En fin, coas pernas empezando a dicir ´abonda´, o cambio fallando con tanta area, os pedais que xa nin calaban nin soltaban ben, retomei a marcha en plena crise. Neses quilómetros que me quedaban ata chegar ao aparcamento onde dabamos a volta fun loitando só contra o vento de fronte. Por riba, ao regresar á praia desde o aparcamento para encarar a recta, outra baixada de area solta, outra caída. Sen forzas como ía, todo era xa supervivencia. Tampouco era xa capaz de subir á bicicleta estilo ciclocrós e era un martirio arrincar, porque sen velocidade enterrábasche, chantábasche na area. E parado outra vez, porque onde antes había area branda, agora estaba removida por todos os que pasaran antes. A última ida pola recta fíxena só, pero con vento a favor, conseguindo uns 25 km/h. A volta, un horror. Aumentou o vento. Iamos tan estirados que non podías poñerche a roda de ninguén para protexerche do vento. Pasei todas as zonas de area branda correndo e empuxando a bicicleta. E os últimos quilómetros, só, freado polo vento e desesperado na procura de area dura. Pero cheguei á meta, feliz e morto de frío. Orgulloso polo posto 521 despois de dúas horas e corenta e dous minutos para percorrer os 52 km. Unha experiencia moi positiva, pero moi dura tamén.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.