26 de ago. de 2017

XV RUTA BBT MONSEIVANE-SERRA DO XISTRAL

Crónica de Iván Espeso:
"O pasado domingo 20 de Agosto unha representación do P.C. Monte Xalo desprazámonos a Vilalba para participar na XV Ruta BTT Monseivane - Serra do Xistral. Un percorrido de 76 Qm cun desnivel positivo de 1.500 m concentrados na zona central da ruta.
 Os primeiros 20 Qm de aproximación a Serra do Xistral foron moi rodadores, con todolos participantes agrupados e tirando a gran velocidade. Nesta parte o importante era ter sentidiño e non deixarse levar, cumpría reservar forzas para o que viña a continuación.
 O chegar comezaba o rock and roll coa ascensión o alto da Carba, a Neveira e Goia. Había tempo que non sufría tanto enriba dunha bici debido a alta porcentaxe e lonxitude das rampas, o forte vento de cara non era precisamente de axuda. O final, despois dun bo rato polas alturas entre cabalos salvaxes e muíños alcanzamos Goia a 851 m sobre o nivel do mar. Comezaba unha longa e rápida baixada na que os brazos levaron un bo castigo.
 O camiño levounos ata un bonito bosque atravesado por un río, aquí o sendeiro percorría en zig zag entre as árbores, con divertidos viraxes e rampas. Este tramo serviu para esquecer a malleira que acababa de levar e concentrarme so no pilotaxe e a diversión.
 Así, coas pilas cargadas chegaba a parte final da ruta. Como as sensacións eran boas e sabía que non quedaban grandes desniveis que afrontar, permitinme o luxo de dar full gas e comezar a tirar con todo.
 No Qm 70 o sol xa pegaba forte e o último avituallamento líquido non daba chegado, só había una explicación ¡estaba perdido! Nalgún momento desviarame do percorrido e o ir só ninguén me puido avisar.
 Non tiven máis remedio que facer os últimos Qm por estrada e non puiden pasar pola meta. Calculo que o meu tempo debeu ser entorno as catro horas e media. Foi unha **** pero que se lle vai facer, quedo coa boa experiencia e as boas sensacións.
 En xeral comentar que a organización foi estupenda, e que por suposto o próximo ano voltarei a completala. Quizá cun GPS...
 Resumo de tempos:
Nadia Rajcok: 04:49:04 - 76km
Roberto Tejedor: 05: 10: 25 - 76 km
Iván Espeso: 04:30:00 aprox - 76 km"

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.